Á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Polo presente escrito, a comunidade educativa e as entidades asinantes queremos manifestar o noso máis profundo rexeitamento ao deseño e implantación do modelo actual das «Aulas Senda» no sistema educativo galego, por consideralas unha medida abertamente segregadora e un claro retroceso nos dereitos do alumnado máis vulnerable.
1. Falta de transparencia na presentación da Estratexia de Inclusión
Cómpre denunciar publicamente o escurantismo co que a Xunta de Galicia tratou esta figura. Na reunión celebrada recentemente sobre a Estratexia Galega de Inclusión Educativa, as Aulas Senda foron o único punto que se pasou por alto de maneira deliberada e sen ofrecer explicación algunha.
Hoxe comprendemos con total claridade o motivo dese silencio: a Xunta era consciente de que estaba a introducir un recurso que rompe cos principios básicos da educación inclusiva, ocultando á comunidade educativa un modelo que devolve ao alumnado con necesidades específicas fóra do aula ordinaria.
2. Unha medida segregadora que vulnera o marco normativo e internacional
As «Aulas Senda», no seu formato actual, constitúen unha forma de segregación camuflada que contravén os marcos legais e as recomendacións internacionais sobre inclusión: Incompatibilidade coa UNESCO e os ODS: A UNESCO define a educación inclusiva como o dereito de todo o alumnado a aprender xunto no mesmo contorno, garantindo a presenza, participación e progreso conxunto. O Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4 (ODS 4) da Axenda 2030 exixe unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, algo incompatible coa creación de espazos segregados dentro dos propios centros educativos.
Incumprimento do Decreto de Atención á Diversidade de Galicia: O propio Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, establece como principio fundamental que a escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo farase no contorno máis inclusivo posible, garantindo a súa integración no grupo de referencia e limitando os apoios fóra do aula a situacións excepcionais e xustificadas.
Vulneración da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade: No seu Artigo 24 (ratificado polo Estado español), prohíbese explicitamente a exclusión do alumnado do sistema xeral de educación por motivos de discapacidade ou dificultades de aprendizaxe.
3. As nosas exixencias
Segregar o alumnado etiquetándoo e separándoo dos seus iguais non resolve as necesidades de apoio; ao contrario, estigmatiza, prexudica o seu desenvolvemento social e priva ao resto do alumnado da riqueza da diversidade.
Aprender xuntos ofrece oportunidades para coñecer distintas formas de comunicarse, relacionarse e comprender o mundo; construír vínculos recíprocos, cuestionar prexuízos e aprender a convivir en igualdade. A separación empobrece estas oportunidades para toda a comunidade educativa.
Pedimos que aclaren baixo que artigo lexislativo e modalidades se organizan estas aulas e como garantirán os dereitos de inclusión e participación real, evitando que consoliden percorridos separados,e sen contradicir o artigo 24 da interpretación do Comité, na
Convención da ONU, que fundamenta a crítica á segregación mesmo dentro dun centro
ordinario.
Por todo iso, ESIXIMOS:
1. A redefinición e transformación das Aulas Senda
Para que deixen de funcionar como espazos de separación do alumnado e se convertan en recursos accesibles de regulación sensorial e emocional, abertos a todo o alumnado que os precise en momentos puntuais, con independencia de que teña ou non un diagnóstico ou necesidades específicas de apoio educativo. Deben concibirse como auténticas aulas multisensoriais, presentes nos centros educativos ordinarios e ao servizo de toda a comunidade escolar, nas que calquera neno ou nena poida atopar un espazo de benestar, autorregulación e acompañamento cando o necesite.
2. Que estes espazos non se utilicen para escolarizar ou manter separado o alumnado con necesidades educativas especiais, nin para xustificar a súa saída sistemática da aula ordinaria.
A súa finalidade debe ser favorecer a participación, a autonomía e o benestar de todo o alumnado, non substituír a atención educativa inclusiva nin converterse nun recurso vinculado á obtención de máis dotacións a cambio de separar determinados nenos e nenas do seu grupo de referencia.
3. A dotación dos centros de recursos materiais, formación específica e asesoramento ao profesorado para garantir o uso adecuado destes espazos desde unha perspectiva inclusiva.
Non abonda con crear aulas: é imprescindible proporcionar materiais sensoriais adaptados, formación sobre procesamento sensorial, autorregulación e acompañamento emocional, así como orientación para que estes recursos se empreguen con criterios pedagóxicos claros e en beneficio de todo o alumnado que os precise.
4. A dotación real de recursos humanos e materiais nas aulas ordinarias.
Reforzando os equipos de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e o persoal coidador, para atender a diversidade onde corresponde: no grupo de referencia e dentro dunha contorna educativa inclusiva.
5. A redución das ratios de alumnado por aula.
Fomentar que o persoal especialista entre na aula ordinaria para co-docencia, modelaxe comunicativa, aplicación real do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA) e adaptación de materiais in situ.
6. A redución das ratios de alumnado por aula.
Para permitir unha atención máis personalizada e a creación dun clima escolar verdadeiramente acolledor.
7. A transparencia real e o diálogo coa comunidade educativa
Antes de implantar medidas que afectan directamente aos dereitos do alumnado, garantindo a participación das familias, do profesorado e das entidades vinculadas á inclusión.
Non queremos espazos que separen, senón recursos que inclúan. Non queremos aulas destinadas a etiquetar o alumnado, senón contornas que respondan á diversidade de necesidades de todas as nenas e nenos. A regulación sensorial e emocional é unha necesidade humana, non un privilexio reservado a quen ten un diagnóstico.
Por todo isto, as entidades asinantes esiximos un foro de diálogo urxente coa administración para abordar este tema e dicimos:
Non á segregación nas nosas escolas. Por unha escola pública galega, equitativa e verdadeiramente inclusiva.
En Ourense a 25 de outubro de 2026
Firman AGMAL, AGAMPI, AGOEP y Quererla es Crearla
